A decimo sétima edición, do ano 2009, é recordada por ter un cartel de auténtico luxo. Poderíamos chamala a edición dos Grammys. Por segunda vez estivo no noso Festival o galardonado guitarrista JOHN SCOFIELD, pero nesta ocasión fíxoo acompañado pola Piety Street Band, nun proxecto dedicado ás raíces: o gospel e o blues.
Ademais tivemos a sorte de presentar a primeira actuación en España da súa historia da banda do guitarrista de blues DEREK TRUCKS, que gañaría o Grammy dese ano na súa categoría. Non é a banda de Derek Trucks un grupo de blues convencional, senón que a súa mestura doutras músicas incluíndo soul, jazz ou ritmos orientais, conforma un estilo moi particular que arrastra a auténticos devotos, coma os que se congregaron en Pontevedra no que foi un dos únicos dous concertos en España do grupo dese verán. Extremadamente amable coa organización, Trucks encontrouse moi a gusto na nosa cidade e ofreceu a un entregado público ata dúas horas de concerto.
O Grammy do 2011 “á mellor artista revelación” foi especialmente comentado na prensa porque por primeira vez se concedera a un músico de jazz: a nova contrabaixista e cantante ESPERANZA SPALDING, que precisamente estivo en Pontevedra o 26 de xullo de 2009. Ofreceu un fantástico concerto no que ademais se sentiu moi a gusto e conectou marabillosamente co público pontevedrés, como se pode constatar en “Youtube”. Un dos mellores momentos da noite foi a fermosa interpretación do clásico “Coisa feita” (Joao Bosco), coa colaboración dun inspirado Ricardo Vogt á guitarra e á voz. E a outra actuación deste ano, foi a de BILLY BOY ARNOLD, JOHN PRIMER, BILLY BRANCH e LURRIE BELL, que cun proxecto que repasaba a historia do blues, “CHICAGO BLUES: A LIVING HISTORY”, foi tamén candidato aos Grammy.
Concertos
E.J. STRICKLAND TRÍO
VIRXILIO DA SILVA QUINTETO
JOHN SCOFIELD PIETY STREET BAND
CHICAGO BLUES: A LIVING HISTORY CON BILLY BOY
ARNOLD, JOHN PRIMER, BILLY BRANCH E LURRIE BELL
THE DEREK TRUCKS BAND
ESPERANZA SPALDING
Jam-Sessions
Nacho Pérez Trío
Workshop
Mike Moreno
Josh Ginsburg
E.J. Strickland
Jazz pola rúa
Street Band
