No ciclo desenrolado na Ferraría, a XXVI edición do Festival incluiu unha variedade de estilos musicais: contamos con todo un histórico do rhythm and blues e soul, Don Bryant, un clásico do blues como Walter “Wolfman” Washington, e non faltou o mellor jazz, neste caso mesturado cos ritmos brasileiros, co pianista Stefano Bollani.
Na que foi a súa única actuación na Península do verán de 2018, Don Bryant non defraudou o 18 de xullo. O veterano cantante ofreceu unha boa ración de soul e blues, baseada na súa meirande parte no repertorio do seu último traballo "Don't give up on love". Despois dunha breve introdución a cargo da banda, Bryant fixo a súa aparición no escenario arrincando precisamente co primeiro tema do disco, a súa fantástica versión do clásico de O. V. Wright, "A nickel and a nail". Outro momento salientable do concerto se produciría con "How do I get there?" fermosa canción de inspiración góspel que iniciou cun solo apoiado só polo Hammond B3. Don Bryant gozou, e bailou, nunha actuación na que estivo acompañado pola súa banda actual, uns correctos Bo-Keys, entre os que destacarían os contundentes metais (Marc Franklin á trompeta e Kirk Smothers ao saxo) e o esforzado Archie Turner ao Hammond. E non puido haber mellor remate que os bises que Don nos ofreceu: dúas das súas composicións máis célebres, dos gloriosos tempos de Hi Records, "Don't turn your back on me" e, o esperado "I Can't Stand the Rain".
E o 20 de xullo, noite de blues, funk e groove cun Walter "Wolfman" Washington que comezou co seu ouveo, non podía ser doutra maneira, a súa actuación. Esta estaría trufada de composicións súas clásicas (como os fantásticos "Glasshouse" ou "Only you"), e tamén dalgún tema do seu último disco "My future is my past"(2018), como a súa particular versión do "Save your love for me". O bluesman de Nova Orleáns, que chegaba un tanto limitado físicamente, despregou toda a súa enerxía no escenario e nos consta que estivo moi a gusto no noso festival. Este foi tamén o sentir da súa banda, os Roadmasters (a destacar un esforzado Terry Scott Jr. á batería ou Tom Fitzpatrick ao saxo): e así o resumiu un dos músicos ao rematar a actuación: "99.9 percent spectacular".
