Vanessa Collier é unha saxofonista, cantante e compositora nada en Dallas, Texas. A súa música é unha amálgama de estilos, partindo do blues máis puro e mesturándoo con funk, rock e soul, conseguindo un resultado apaixonante que exhibe en poderosísimas actuacións en vivo. A crítica especializada dixo dela que está dotada dunha voz conmovedora que lembra á de Bonnie Raitt, que combina á perfección con composicións enxeñosas e cun saxofón que remove as emocións.
Os seus comezos foron moi precoces. Con só once anos xa tocaba sos de saxo nunha banda de jazz. No ano 2013 obtivo a súa graduación no prestixioso Berklee College of Music de Boston, nunha cerimonia na que foi especialmente convidada a compartir escenario nin máis nin menos que con Annie Lennox (Eurythmics) e Willie Nelson.
Tamén acompañou frecuentemente nas súas xiras ao lendario guitarrista e cantante de blues Joe Louis Walker.
A súa carreira en solitario comezou no ano 2014, lanzando o seu primeiro disco, titulado Heart, Soul & Saxophone, ao que seguiron Meeting My Shadow (2017), Honey Up (2018) e Heart On The Line (2020). Todas as súas publicacións foron unanimemente eloxiadas pola crítica e granxeáronlle a calor dun público cada vez máis entregado ao seu evidente talento.
Vanessa Collier foi galardoada con tres Blues Music Awards (os Óscar do blues), un deles como mellor saxofonista e outros dous como mellor artista feminina do ano (2019 e 2020). En total foi candidata en nove ocasiones a estes premios, a pesar da súa mocidade e de ter aínda unha carreira incipiente. Este rexistro sitúaa á altura de artistas da talla de Shemekia Copeland, Samantha Fish, Ruthie Foster (as tres formaron parte do cartel do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra en anteriores edicións) ou Jimmy Carpenter.
Collier di ser feliz actuando en escenarios de todo o mundo, porque o vive como unha forma total de expresión e conexión cos seus fans e co público en xeral. Explica que “me encanta conectarme cunha audiencia e sentir a súa enerxía, e espero inspirar ás persoas para seguir os seus soños e paixóns, atopar o que lles brinda alegría e logo perseguilo sen descanso”.
Vanessa tamén leva esa mensaxe aos músicos máis novos, participando activamente no programa educativo Blues in the Schools nos Estados Unidos, que apoia a talentos emerxentes que se atopan en perigo de exclusión social.
O seu último disco, gravado en directo nos Power Station Studios de Nova York ante un puúblico selecto en abril do ano 2022, é Live at Power Station.
FORMACIÓN:
Vanessa Collier: voz, saxo e guitarra.
Laura Chavez: guitarra.
Byron Cage: batería.
Andrew Crane: baixo