Samantha Fish
Samantha Fish
Samantha Fish
Samantha Fish
Samantha Fish

Samantha Fish

22.30 h / Entrada gratuíta

Samantha Fish é unha cantante, compositora e guitarrista norteamericana. Naceu e creceu en Kansas City, cidade na que segue vivindo. Empezou a tocar a guitarra sendo unha adolescente, e as súas primeiras influencias foron os Rolling Stones, Tom Petty e algúns dos máis importantes bluesmen, como Stevie Ray Vaughan, Son House e Skip James, pero tamén adoitaba escoitar propostas máis eclécticas como as de Tom Waits ou Leonard Cohen.

O seu dominio absoluto da guitarra permítelle manexarse no escenario co único acompañamento dun batería e un baixista. Con esta formación, o Samantha Fish Blues Band, gravou en 2009 un primeiro álbum autoeditado, Live Bait,  cuxo éxito entre o público permitiulle ser fichada polo selo especializado en blues Ruf Records, con quen publicou en 2011 o seu álbum Runaway, co que conseguiu en 2012 o Blues Music Award á mellor nova artista de blues.

En 2013, Samantha Fish gravou o seu segundo álbum en solitario, tamén con ese mesmo selo, que titulou Black Wind Howlin, logrando redondear un traballo repleto de grandes cancións de blues eléctrico do máis enerxético.

No ano 2015, lanzou Wild Heart, un álbum no que desenvolveu acentos máis intimistas, máis sustentado nas súas raíces que o precedente.

En 2019 publicou Kill or Be Kind, un traballo que recollía as súas aprendizaxes anteriores e propoñía un esbozo do que foi máis recentemente o seu último lanzamento, Faster, un disco que lanzou a súa carreira a uns límites descoñecidos. Foi producido por Martin Kierszenbaum (habitual produtor de figuras de talla mundial como Lady Gaga, Sting ou Sheryl Crow, entre outros) e contou coa participación do batería Josh Frees, que tamén o foi de bandas como Guns&Roses ou Nine Inch Nails, e do baixista Diego Navaira (The Last Bandoleros). O resultado é un traballo redondo, dotado dunha forza descomunal, apoiado en ritmos moi viscerais e cun traballo vocal profundo e á vez elegante, co que quixo trasladar ao público –nas súas propias palabras– a idea central do necesario que resulta tomar as rendas da propia vida.

Entre as súas influencias actuais máis destacadas, Samantha Fish cita sen dubidar a certos “heroes do blues do Norte do Mississippi”, como R.L. Burnside (debido a que segue vivindo na súa cidade natal Kansas City, estado de Missouri, o blues e o R&B son unha referencia constante na súa vida e na súa carreira), pero tamén menciona a outra clase de músicos, iconoclastas, rebeldes, salvaxemente innovadores e dominadores absolutos do escenario, como Prince, porque, como ela mesma di, unha das maiores alegrías de facer música é o poderoso intercambio de enerxía que consegue co público nos seus incendiarios shows en vivo.

Formación
Samantha Fish; guitarra eléctrica e voz
Ron Johnson; baixo 
Matt Wade; teclados
Sarah Tomek; batería