FORMACIÓN:
Robben Ford - Guitarra e voz
Ross Stanley - Órgano
Joel Barford - Batería
Robben Ford é un dos guitarristas máis aplaudidos do panorama musical actual. Destaca especialmente pola súa facilidade para desenvolverse en diversos contextos e estilos, como o jazz, o blues, o rythm&blues e o rock and roll. Foi cinco veces candidato aos premios Grammy e colaborou en xiras e gravacións de artistas tan lendarios e diversos como Joni Mitchell, Miles Davis, George Harrison, Bonnie Raitt, Bob Dylan, John Mayall, John Scofield, Keb Mo, Mavis Staples, e tantos outros.
Naceu en 1951 en Woodlake, California, no seo dunha familia de músicos. O seu pai foi cantante e guitarrista de country, e a súa nai era tamén cantante e pianista.
O primeiro instrumento que Robben elixiu foi o saxofón, que comezou a tocar aos dez anos, pero aos trece empezou a tocar de forma autodidacta a guitarra, converténdose no seu instrumento preferido, tras frecuentar os concertos que nos anos 60 e 70 ofrecían en San Francisco guitarristas lendarios como Jimi Hendrix, Eric Clapton, Albert King ou B.B. King.
Sobre o seu interese polo jazz, Robben cita influencias de saxofonistas como Paul Desmond, Ornette Coleman, John Coltrane, Wayne Shorter…, pero tamén de pianistas como Dave Brubeck, e, por suposto, colocando no lugar máis destacado á trompeta de Miles Davis, a quen tivo a honra —como el mesmo dixo— de acompañar nunha das súas últimas xiras. Estas influencias permaneceron ao longo da súa amplísima carreira musical, desempeñando un papel importante na súa particular mestura de jazz e blues que o define como guitarrista, e que lle permite tocar nunha ampla variedade de escenarios.
En 1977, na súa primeira gravación en solitario, The Inside Story, colaborou con el un grupo de músicos que logo se converterían na mítica banda coñecida como os Yellowjackets.
O disco Talk to Your Daughter (1988) valeulle a súa primeira candidatura aos premios Grammy na categoría de mellor gravación de blues contemporáneo.
Tiger Walk, foi a súa primeira gravación instrumental, e Supernatural, o seu traballo máis logrado até ese momento como compositor.
En marzo de 2014 lanzou A Day In Nashville, unha proeza de gravación realizada literalmente nun só día en Nashville. Into The Sun publicouse en marzo de 2015. Debutou no posto número 2 da lista Billboard Blues e foi candidato a un premio Grammy na categoría de blues contemporáneo.
Os seus últimos lanzamentos foron Purple House (2018), e Pure, o seu primeiro disco instrumental desde Tiger Walk.
Un compoñente esencial da carreira de Robben Ford é o seu compromiso co ensino. Os seus vídeos instrutivos culminaron no nacemento dun ambicioso proxecto pedagóxico de gran altura denominado Robben Ford Guitar Dojo.
Velo subir ao escenario é, a partes iguais, gratificante e impresionante, alcanzando unha fusión perfecta de creatividade e emoción que dá como resultado unha música de extraordinaria calidade. En canto toca a súa primeira nota, o espectador percibe que está ante un auténtico mestre da guitarra ao que, por certo, é moi pouco habitual poder ver actuando no noso país, de modo que aproveitar unha ocasión como esta tórnase imprescindible.