FORMACIÓN:
John Németh - Voz e harmónica
Andrew McNeill- Batería
Benton Parker - Baixo
Gabe Stillman - Guitarra
Nado en 1975, este compositor, cantante e harmonicista norteamericano foi galardoado ao longo da súa carreira con cinco Blues Music Awards en distintas categorías: mellor cantante masculino de soul, mellor álbum de blues, mellor instrumentista e mellor álbum de blues tradicional.
Durante a súa adolescencia na súa Idaho natal, Németh sentiuse atraído polos sons do hip hop e polas bandas de rock da época, ata que xunto a Junior Wells formou o grupo Fat John & the 3 Slims, que aínda hoxe se considera unha banda lendaria na rexión. John tocaba a harmónica e cantaba, e rapidamente chamou a atención de músicos de blues consolidados e de discográficas especializadas. Non pasou moito tempo antes de que lanzase as súas propias gravacións, The Jack of Harps (2002) e Come and Get It (2004), con Junior Watson.
En 2004, John mudouse a San Francisco, onde se mergullou nas ricas e profundas augas musicais da área da Bahía, absorbendo os ritmos soul e funk das mellores bandas da zona.
O seu álbum Magic Touch (2007) recibiu unha resposta eufórica dos fans e os medios de comunicación, que o aclamaron como a nova voz do blues. A crítica especializada chegou a dicir que o disco concedía esperanza para a supervivencia deste xénero musical.
En 2008 colaborou co guitarrista e cantante hall of fame do rock and roll Elvin Bishop, prestando a súa voz a varias das cancións que conformaron o álbum candidato ao Grammy The Blues Rolls On.
Os discos Love Me Tonight (2009) e Name the Day (2010) supuxeron o inicio da longa serie de éxitos de John Németh nos Blues Music Awards (BMA), nos que foi candidato en vinte ocasións.
En 2013, tras mudarse a Memphis (Tennessee), lanzou un álbum de clásicos do soul revisitados, Memphis Grease, co que obtivo dous dos devanditos galardóns, como mellor artista masculino de soul blues, e como mellor álbum de soul blues.
En 2017 lanzou Feelin' Freaky, un álbum de cancións orixinais baseadas nas súas fortes influencias de blues e R&B, pero tamén cheo de sons contemporáneos de hip hop e rock 'n' roll, estilos que o marcaron na súa mocidade e que nunca chegou a abandonar de todo.
Co seu décimo álbum, Stronger Than Strong (2019), no que presentou dez composicións orixinais, demostrou, unha vez máis, a súa asombrosa habilidade para combinar blues e soul retro e moderno, construíndo un estilo propio e inconfundible, que é o seu sinal de identidade.
En 2022, pouco antes de someterse a unha cirurxía complicada de mandíbula que potencialmente podería impedirlle volver cantar, gravou May Be the last Time, acompañado dos seus colegas máis habituais —Elvin Bishop, Bob Welsh, Willy Jordan, Kid Andersen e Alabama Mike—, buscando todos eles compartir o poder curativo da música durante unha sesión de gravación de dous días nos Greaseland Studios. O resultado foi tan sandador e abraiante, que o levou a gañar o seu —até agora— último premio Blues Music Awards, na categoría de mellor instrumentista do ano 2023.