RAYNALD COLOM & SPJ GROUP

22.30 h Entrada gratuíta
Raynald Colom & SPJ Group

Nado en Vincennes (Francia) en 1978, Raynald trasladouse a Barcelona coa súa familia en 1988. Empezou a súa aventura musical aos catro anos no Conservatorio de Música de Créteil, onde estudou violín ata os oito anos. Nesta época os seus pais regaláronlle a súa primeira trompeta. En Barcelona, seguiu os seus estudos musicais e recibiu formación privada con Wynton Marsalis, Roy Hargrove e Kenny Barron. No ano 1999, finalizados os seus estudos no Conservatorio Municipal de Terrassa e na Escola de Música de Bellaterra, obtivo unha bolsa para estudar no Berklee Music College de Boston, USA, con profesores como Bill Pierce ou Darren Barrett, entre outros.

No ano 2000 volveu a Barcelona, onde empezou a traballar como músico freelance á beira de Albert Bover, Randy Brecker, Jesse Davis, Robin Eubanks, Horacio Fumero, Chris Higgins, Guillermo McGill, Michel Philip Mosman, Perico Sambeat, Antonio Serrano ou Louis Stewart. O mesmo ano 2000, Manu Chao propúxolle facer a xira de presentación do CD Clandestino en Estados Unidos e en América Latina.

En 2001 participou na tournée da European Youth Orchestra, dirixida polo saxofonista holandés Benjamín Herman, actuando en importantes festivais europeos como o North Sea Jazz Festival e o Copenhagen Jazz Festival, no Ronnie Scott´s Club, en Irlanda e Alemaña. Máis tarde, entrou a formar parte do Sexteto de Perico Sambeat, participando nas xiras dos anos 2002 e 2003 polo estado español, Uruguai e Arxentina. Foi convidado por Benjamín Herman a unha xira por Holanda e colaborou co grupo de música electrónica Wagon Cookin´, finalizando a súa xira no Blue Note Club de Tokio.

Dende o ano 2004, Raynald é un dos músicos máis solicitados da escena jazzística peninsular, o que lle permitiu participar nas gravacións de músicos como Adrián Iaies, Horacio Fumero, Marcelo Mercadante, Fermín Muguruza, José Reinoso, Luís Salinas, Perico Sambeat, Albert Sanz, etc. Colaborou tamén con Lluís Vidal na Bienal Tete Montoliu, así como no Festival Máis i Máis (Gran Teatro do Liceo) formando parte do grupo Mais i Mais All Stars. Tamén en 2004, e no Café Royale de Barcelona, Raynald converteu ao seu quinteto en formación residente, con concertos semanais de gran seguimento, tanto polo público como pola crítica jazzística estatal e internacional.

No ano 2005 actuou no Festival Mais i Mais xunto a Antonio Serrano e Mulgrew Miller. Neste mesmo ano presentou o seu primeiro traballo discográfico, My 51 Minutes, baixo o selo Fresh Sound New Talent, moi ben recibido polo público e a crítica especializada.

Logo da súa colaboración co cantante flamenco Duquende e a súa participación na gravación de   Mi forma de vivir, o flamenco pasou a ser a súa segunda paixón musical, e inmediatamente empezou a traballar xunto ao guitarrista flamenco Chicuelo, colaborando na gravación do seu CD Diapasión.

En 2008, e logo dunha longa estancia entre Nova York e Madrid, Raynald presentou o seu último traballo como líder, Sketches Of Groove (Fresh Sound New Talent), dentro do Festival Internacional de Jazz de Barcelona 2008, compartindo cartel con Nicholas Payton, Tomasz Stanko e Tom Harrell, entre outros, no ciclo Trompetistas! Tamén participou na Spanish Jazz Reunion dentro do 31 Festival de Jazz de Toulouse á beira de Antonio Serrano, José Reinoso, Javier Outeiro e Marc Miralta.

En 2009 Raynald presentouse no Festival de Jazz e Músicas do Mundo de Lapataia, en Punta do Leste (Uruguai), compartindo cartel con Yosvany Terry e Christian Gálvez. Neste mesmo ano Raynald presentou o seu ambicioso proxecto Evocación, no que interveñen un diverso grupo de Artistas: o guitarrista flamenco Chicuelo, o pianista cubano Aruan Ortiz, o contrabaixista israelí Omer Avital e o batería norteamericano Eric McPherson. Neste proxecto Raynald fusiona o flamenco co jazz contemporáneo desde a súa orixinal perspectiva creativa.

A Asociación de Músicos de Jazz e Música Moderna outorgoulle varios recoñecementos, entre eles o premio ao mellor trompetista nos anos 2001, 2002, 2004 e 2005, e o galardón ao disco de jazz do ano (2005 Premio Enderrock por My first 51 minutes). O seu disco Evocación gañou en 2009 o premio ao mellor disco de jazz español outorgado pola revista Cuadernos de Jazz. En 2010 obtivo o prestixioso premio Puig-Porret.

En 2012 asina un contrato coa discográfica Jazz Village/Harmonia Mundi, que publicou o seu último álbum Rise e reeditando así mesmo o seu disco de fusión flamenca Evocación. E neste ano está a presentar o seu novo proxecto Steel.

No Festival de Jazz e Blues de Pontevedra este artista internacional formará banda co SPG Group, unha nova fornada de músicos de jazz galegos.

Formación:
Raynald Colom: trompeta
Dani Font: guitarra 
Pablo Patiño: contrabaixo 
David Puíme: batería