PONTEVEDRA, CIDADE DE JAZZ

25 Aniversario Festival Jazz e Blues Pontevedra

Pontevedra é jazz e é blues. Estas músicas forman xa parte da banda sonora do verán pontevedrés grazas ao festival que comezou a súa andaina no ano 1993. Cumprir vinte e cinco anos de existencia é un gran logro, máis aínda se se teñen en conta a súa proxección nacional e internacional, e o recoñecemento que por parte do público foi acadando ao longo de todo este tempo.

O Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra é un evento no que tanto a idea inicial, como a xestión do proxecto e a súa consolidación e proxección de futuro son froito da sensibilidade e do entusiasmo dun grupo de persoas que aman fondamente estes estilos musicais, e cuxo compromiso coa dinamización e proxección de Pontevedra son innegábeis. Con estes ingredientes e a implicación activa do público, tanto pontevedrés como foráneo, foise construíndo un dos produtos máis recoñecíbeis do verán pontevedrés.

Co tempo, a idea foi medrando en propostas, en contidos e en espazos. O asentamento en Pontevedra do Seminario Permanente de Jazz no ano 2001, e a posterior creación do programa Pontejazz no 2002, tiveron un efecto moi positivo no festival, proporcionándolle frescura, dinamismo e plena conexión coa realidade musical galega e pontevedresa. A presenza de figuras consagradas do panorama internacional e os novos ingredientes achegados polo puxante jazz galego, que ten un dos seus principais centros de operacións en Pontevedra, conforman unha proposta madura, atractiva e refrescante. Artistas de sona internacional como Milt Jackson, McCoy Tyner, John Scofield, Solomon Burke, Esperanza Spalding, Kurt Elling, Taj Mahal, Dianne Reeves, Mavis Staples, Derek Trucks ou Johnny Winter, entre moitos outros, pasaron xa por Pontevedra. Asemade, os escenarios das prazas do Teucro e da Ferraría acolleron tamén concertos de destacados músicos galegos, como Baldo Martínez, Abe Rábade, Paco Charlín, Nani García ou Virxilio da Silva.

Os aniversarios son oportunidades especialmente axeitadas para o recoñecemento e a celebración do camiño andado, dos éxitos e dos compromisos que fixeron posíbel que chegaramos ata aquí. Mais tamén son momento para a reflexión, para mirar cara ao futuro buscando o xeito de abrir novos horizontes para a música como bandeira da cultura, e para amosar a todo o mundo unha Pontevedra digna e orgullosa de todo o que pode achegar neste e noutros aspectos que, todos unidos, a converten nunha cidade merecente de ser vivida, tanto polos seus cidadáns como por aqueles que nos visitan ao chamado da sona de Boa Vila pola que é cada vez máis recoñecida.

Estou convencido que o futuro será aínda máis esperanzador e o horizonte máis amplo se seguimos construíndo proxectos coma este Festival, se continuamos a apostar polo xenuíno e a confianza en nós, se mantemos a convicción de que non hai nada mellor que fomentar a convivencia entre as persoas, ao abeiro da música que cada verán enche de marabillosas melodías as rúas e prazas de Pontevedra.

Como Alcalde síntome orgulloso do traballo de todas as persoas que fan posíbel este fermoso proxecto e convido á cidadanía de Pontevedra e ás persoas que nos visitan a que celebren con nós os vinte e cinco anos do Festival Internacional de Jazz e Blues.

Miguel Anxo Fernández Lores
Alcalde de Pontevedra