MEMORIA NOTAMETRAXES 2017

Dende os seus iniciais e tímidos achegamentos, o jazz e o cinema forxaron unha fructífera e productiva relación. Os filmes exhibidos en Notametraxes aspiraron a bosquexar levemente algunhas das características máis relevantes desa singular interacción.

Ascensor para o cadafalso impugna conscientemente o modelo compositivo e orquestal dominante nas bandas sonoras de raigame jazzsística, para propor un interesantísimo e libérrimo discurso musical que sirve de coloratura e de magnífico contrapunto ao patético destino duns seres cegados polos seus instintos, polas súas pulsións e polasúa incorrecta interpretación dos acontecementos.

Por outra banda, The Soul of a Man, auténtico exercicio de arqueoloxía musical que revela o santoral musical do  realizador do filme ao tempo que vira progresivamante cara unha virulenta disección sociopolítica dunha sociedade e dun período histórico concreto, focaliza a súa atención nun dos xéneros musicais máis representativos da cultura popular estadounidense: o blues.

Arredor da medianoite, realizada por un consumado melómano, Bertrand Tavernier, trascende a mera homenaxe ao Paris dos anos 50 –refuxio para infinidade de músicos norteamericanos e lugar salvífico para a supervivencia e posterior evolución do jazz como estilo musical–, para ilustrar os románticos e destructivos modelos de vida dos grandes músicos e, a un tempo, narrar unha sólida e bela historia de amizade entre dous homes na encrucillada.

Sen menosprezar o inspirado, creativo e poliédrico documental Django Reinhardt, dirixido por Paul Paviot e escrito polo cada vez máis xigantesco Chris Marker, debemos salientar a increíble capacidade de readaptación dos músicos do SPJ e aplaudir a súa intensa e imaxinativa interpretación para ilustrar as imaxes da Viaxe á Lúa de Georges Méliès. Observar e escoitar a uns músicos de capacidade e talento contrastado poñéndose ao servizo dunhas imaxes que non favorecen que agrome todo o seu potencial creativo e estético –mentras as potencian estéticamente– é algo que lembraremos todos os presentes.

Agradecementos: ao Concello de Pontevedra, a Era Comunicación, a Luis Carballo pola paciencia e a disposición e aos músicos do SPJ pola calidade artística e humana e, sobre todo, pola insólita capacidade de improvisación.

Suso Novás Andrade
Programador do ciclo Notametraxes