Joey DeFrancesco Trío

22:30 h Entrada gratuíta
Joey DeFrancesco Trío
Joey DeFrancesco Trío

Nado e criado en Filadelfia, De Francesco é un magnífico organista, trompetista e vocalista de jazz. Tanto o seu avó coma o seu pai foron aclamados intérpretes, especializados neste xénero musical, polo que se pode dicir que estivo rodeado de acordes e melodías desde o seu nacemento.

Joey De Francesco está dotado dun don natural para a música. Con tan só cinco anos xa tocaba o órgano, e aos dez empezou a actuar nalgúns clubs musicais da súa cidade, chegando a ser o teloneiro de figuras consagradas como B.B. King ou Wynton Marsalis e a ser finalista do prestixioso Concurso Internacional de Piano Thelonious Monk, sendo tan só un neno.

Aínda moi novo, foi recrutado nin máis nin menos que por Miles Davis para tocar xunto a el nunha xira mundial. Compartiu escenarios e estudios de gravación con artistas tan importantes como Ray Charles, Van Morrison, Diana Krall, Nancy Wilson, George Benson, Grover Washington Jr. ou John Scofield.

Foi candidato en catro ocasións aos premios Grammy e forma parte do Salón da Fama do Órgano Hammond desde 2014, ademais de encabezar durante os últimos quince anos as listas de preferencias nas enquisas tanto dos críticos como do público en xeral, publicadas pola prestixiosa revista de jazz DownBeat.

Joey De Francesco declárase un rendido admirador do lendario teclista Jimmy Smith, e baixo a súa influencia foi o responsable do renacemento musical do órgano de jazz a mediados da década dos anos 80 do século pasado, poñendo todo o seu virtuosismo ao servizo dun instrumento tan especial como é o órgano Hammond B-3, que habitualmente toca nas súas actuacións en directo, ademais da trompeta.

Trátase dun artista moi completo, e neste sentido cabe apuntar que en 2009 compuxo a música da película Moonlight Serenade, protagonizada por Amy Adams no papel dunha cantante de jazz, pero tamén foi produtor do filme e ata interpretou a un dos seus personaxes. Ademais, dirixe e presenta un programa semanal sobre o mundo do jazz na emisora de radio por satélite SiriusXM.

De Francesco é un músico moi prolífico. Publicou case corenta discos propios, e colaborou en innumerables gravacións doutros artistas. Entre os seus lanzamentos máis recentes, cabe destacar You're Driving Me Crazy, (2018) no que contou coa participación estelar de Van Morrison, e o seu último álbum, lanzado este mesmo ano, titulado In the Key of the Universe.

FORMACIÓN:
Joey DeFrancesco: órgano Hammond, trompeta y teclado
Troy Roberts: saxo tenor
Khary Abdul Shaheed: batería