SANTI QUINTÁNS EUROPEAN QUARTET

22.30 h Entrada gratuíta
Santi Quintáns European Quartet

Explorando as fronteiras entre composición, improvisación e música experimental, Santiago Quintáns investiga as posibilidades da música moderna cunha mirada curiosa e inqueda. Fiel á guitarra eléctrica (proxecto ARK, para guitarra e Max/MSP), pero cunha visión precisa de compositor, Santiago sintetiza tradición e modernidade en arriscados proxectos nos que non faltan nin sensualidade nin enerxía. As súas composicións para grupos de música contemporánea, compañías de danza ou grupos de jazz, suxiren unha nova experiencia do fenómeno sonoro: a música como escultura en movemento, a escoita como xesto táctil e o espazo sonoro como zona de xogos aberta á improvisación.

Nado en Vigo en 1975, Santiago instálase nos Estados Unidos en 1995. Alí estuda guitarra jzz e composición na Universidade de Miami e comeza unha carreira internacional acompañando a Kenny Wheeler e Maria Schneider, entre outros. O seu interese pola música moderna impúlsao a viaxar a París en 2003 onde participa como compositor e intérprete en estreas de contemporánea (Seven de Peter Eötvös, dirección Mark Foster). Desde 2006 realiza un traballo de investigación sobre a guitarra eléctrica amplamente divulgado en conferencias e artigos para revistas de musicoloxía (Appareil, JIM, Espazo Sonoro). Plenamente integrado na paisaxe musical francesa, o Conservatorio da cidade de Le Mans convídao a dirixir o seu programa de jazz e músicas improvisadas en 2008.

Formación:
Santi Quintáns: guitarra
Matthieu Donarier: saxo tenor
Paco Charlín: contrabaixo
Dre Pallemaerts: batería