Edición 2013

O "ciclo da Ferraría" do festival comezou a noite do 19 de xullo, cunha cantante tan salientable coma Shemekia Copeland, a que fora nomeada "raíña" actual do blues. Na que foi a súa segunda visita a Pontevedra (a primeira vez foi no outono de 1998 e no Teatro Principal, nos comezos da súa carreira), Shemekia exhibiu as súas innegables aptitudes interpretando temas do que era o seu último disco, 33 1/3, candidato aos premios Grammy, así como outras cancións de traballos anteriores, como o fermoso tema "Ghetto child ", do seu primeiro traballo Turn the heat up! (1998), que fora composto e popularizado anteriormente polo seu pai, o mítico Johnny "Clyde" Copeland. Foi, sen dúbida, o momento máis especial da noite, e un dos estelares desta edición: Shemekia deixou o micrófono, e practicamente a cappella cantou o tema, para a gran ledicia do público, gañándose os emocionados aplausos dos espectadores.

E continuando coa promoción do jazz galego que se vén facendo neste festival dende hai anos, e que é un dos nosos sinais de identidade, o 20 de xullo tivemos no escenario principal do festival a un dos intérpretes galegos máis relevantes, Paco Charlín. Este contou precisamente coa colaboración dos artistas que estiveran nos días previos nos workshop do festival, e co vibrafonista Jeffery Davis, quen destacou especialmente neste concerto.

A segunda noite dedicada ao blues foi a do 21 de xullo, presentando a un excelente cantante e guitarrista, aínda que relativamente pouco coñecido: Eugene "Hideaway" Bridges. Eugene fixo bailar ao público pontevedrés coa súa mestura de blues e soul, interpretando as súas propias composicións durante un concerto xeneroso en duración.

Para rematar a XXI edición , contamos co pianista de jazz do momento, acaparador de gran parte dos galardóns dos últimos anos como mellor pianista ou músico revelación, Vijay Iyer, que presentou temas do seu último disco Accelerando. Con este traballo, Iyer foi o primeiro artista que na historia da prestixiosa publicación “DownBeat” consegue o primeiro posto en cinco categorías na enquisa anual da crítica (2013). E Vijay atopouse moi a gusto nunha noite inesquecible, como comentaría á organización e posteriormente el mesmo publicaría en Facebook.

Concertos
LAST MINUTE EXPERIENCE
ALBERTO VILAS QUINTETO
SHEMEKIA COPELAND
PACO CHARLÍN “FLOOD”
EUGENE “HIDEAWAY” BRIDGES
VIJAY IYER TRIO

Jam-Sessions
Yago Vázquez Trío
Max Gómez Trío
Chus Pazos Trío

Xan Campos Trío

Workshop
Darren Barrett
Myron Walden
Mark Whitfield Jr.

Jazz pola rúa
Street Band