DEROBERT AND THE HALF-TRUTHS

22.30 h Entrada gratuíta
DeRobert and the Half-Truths
DeRobert and the Half-Truths
DeRobert and the Half-Truths
DeRobert and the Half-Truths
DeRobert and the Half-Truths

DeRobert Adams é un vocalista prodixioso que soubo acompañarse dunha banda de fantásticos músicos, “The Half Truths”, na que destacan os nomes de Nick DeVan e David Singleton. Xuntos crearon un son único, que parte do country máis puro con denominación de orixe en Nashville (Tennessee), para mesturalo con melodías evocadoras do estilo soul, dando lugar a una marca propia á que se denominou “Nashville Soul”.

DeRobert é orixinario de Convington (Tennessee), onde creceu rodeado de todos os sons orixinais do profundo Sur estadounidense. De feito, como adoita suceder no caso dos vocalistas sureños afroamericanos, a súa carreira como cantante empezou no coro da igrexa deste suburbio de Memphis. Alí foi perfeccionando os seus dotes e a súa técnica vocal, ata que se matriculou na Middle Tennessee State University, onde coñeceu a Nick DeVan e a David Singleton, con quen compartiu as súas inquietudes musicais, e xuntos fundaron a discográfica GED Soul Records e “The Half Truths”.

A súa música busca trasladar ao público temas universais como a pobreza, a angustia e a eterna loita da clase traballadora por sobrevivir día a día.

O que fai tan especial esta proposta é o que se deu en chamar un “xemido audible”, que se introduce nas gravacións que se desenvolven na súa integridade no “Poor Man Studio” de Nick DeVan. Nelas, os músicos agrúpanse nunha pequena sala de gravación hermeticamente pechada e fan tremer as paredes co seu son coma nos tempos dos lendarios estudos “Muscle Shoals” de Alabama. A iso engaden unha produción crúa, sen adornos nin floreos, na que destaca por enriba de todo o demais a poderosísima voz de DeRobert Adams, que equilibra os elementos rítmicos dos vellos tempos con modernas melodías, obtendo deste xeito a proposta musical única que os caracteriza.

O seu primeiro disco foi un single (o grupo é un ardente defensor do formato vinilo) e titulouse Fallen In Debt (2008). Foi seguido por dúas gravacións máis das mesmas características: Wake On Up e Too  Busy, ata que xa en 2010 editaron o seu primeiro álbum completo: Soul in a Digital World, que foi un éxito de crítica e público, consolidado posteriormente polo que é ata a data o seu último traballo I´m Tryin (aínda que soa con forza o rumor do inminente lanzamento ao mercado dun novo disco).

FORMACIÓN:
DeRobert Adams: voz
Nick DeVan: batería
Dave Singleton: baixo
Andrew Muller: guitarra
Vernon James: saxo tenor

Andrew Hagen: saxo tenor
Charles Ray: trompeta