Edición 2015

* Praza do Teucro:
14 de xullo de 2015: Jazz contundente para abrir o telón do XXIII Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. O cuarteto liderado polo guitarrista vigués Felipe Villar trouxo a Pontevedra o son dos seus dous primeiros traballos discográficos “Home” e “Outro” (moi recentes os dous). Acompañado da súa potente sección rítmica habitual, co contrabaixista José Manuel Díaz e o batería Máx Gómez; Felipe Villar uníu para a ocasión a voz do saxo alto de Fernando Sánchez, todo un luxo que encheu a moi concorrida praza do Teucro do mellor jazz que se pode gozar nunha cálida noite de verán.

A seguinte noite, cunha puntualidade absoluta comezou o trío do pianista Nani García o seu concerto na segunda xornada do festival ante unha praza do Teucro xa chea a primeira hora, e que aínda se encheu máis durante o concerto. A precisión interpretativa do trío foi premiada polo público nun concerto que ía a máis dentro dun enfoque tranquilo e que facía lucir o son do piano na pedra do Teucro: a procura do conciso e belo nas mans de Nani, que demostra as súas grandes dotes compositivas no eido das músicas descritivas, e precisión absoluta na sección rítmica con Simón García cunha afinación perfecta e densidade no son do seu contrabaixo, e que dicir da batería de Miguel Cabana nesa máquina rítmica perfecta, que domina os arranxos como se as composicións foran do seu puño e letra: gran concerto de jazz galego que deu paso aos concertos da praza da Ferraría.


* Praza da Ferraría:
Fantástica noite de blues a do 16 de xullo, con Janiva Magness na que era a súa última actuación na península, e penúltima data da xira europea. Para empezar, a súa banda quentou o ambiente con dous temas e, seguidamente, Janiva ofreceu un concerto baseado en cancións do seu último disco ("Original") así como de traballos anteriores. Na banda destacaron o elegante guitarrista, Alex Schultz, e, ao Hammond, un inspirado Red Young. Janiva, quen se lembraba da súa anterior actuación no noso festival en 2008, rematou cun fermoso tema a capella, e tanto ela como os seus músicos marcharon encantados do público e da nosa cidade, especialmente, da sede do festival, a Praza da Ferraría.

A actuación de Terri Lyne Carrington do 17 de xullo foi toda unha homenaxe a Duke Ellington con temas do premiado disco de Terri "Money Jungle. Provocative in Blue", tributo ao "Money Jungle" de Duke Ellington, Charles Mingus e Max Roach (1962). Especialmente inspirado estivo o pianista Aaron Parks, cunha fermosa interpretación, en trío, da composición de Ellington "Warm Valley". Outro momento para lembrar foi o só espectacular de batería co que Terri comezou "Come Sunday", tema do seu próximo disco e, como non, composto tamén polo prolífico Duke.


Ruthie Foster, 18 de xullo de 2015: un concerto que xa forma parte dese selecto grupo dos "mellores da nosa historia". Non empezara ben a visita de Ruthie ao noso festival: a compañía de aviación perdera toda a equipaxe do grupo, e houbo que conseguirlles en tempo récord o baixo eléctrico e a guitarra. Xa en Pontevedra, fascinados coa beleza do Casco Vello e encantados coa nosa gastronomía, á noite ofrecéronnos unha actuación inesquecible, na que Ruthie conectou desde o primeiro instante co público ("great audience!" comentou), con temas do seu último traballo "Promise of a Brand New Day" (empezou o concerto con moita forza, co fermoso tema de inspiración góspel composto por ela, "Brand New Day"), pero tamén doutros discos, como a súa particular versión da canción popularizada por Johnny Cash "Ring of fire". E para rematar..., habería ata un pouco de reggae!

Nunha noite electrizante tanto no atmosférico coma no musical, Virxilio da Silva Quintet saíu ao escenario da Praza da Ferrería para poñer o broche final ao festival o 19 de xullo. O quinteto que Virxilio da Silva presentou para a ocasión foi una mestura de grandes referentes actuais do jazz en Europa cos galegos Virxilio da Silva (liderando as guitarras eléctricas) e Yago Vázquez (ao piano e o Rhodes), xunto aos holandeses Joris Roelofs (ao clarinete baixo) e Mark Schilders (á batería), e o alemán Felix Barth (ao baixo eléctrico). Un redoble no tom continuado por un contundente ostinato de toda a banda apuntaba a que Virxilio da Silva ía facer unha proposta moi distinta á que nos tiña acostumados, e só un artista en continua evolución e desenvolvemento coma el ía ter o valor de desafiar ao público cunha proposta que, tocada por grandes músicos de jazz, traspasaba nota a nota todas as fronteiras estilísticas para elevar o son das guitarras de Virxilio ao ceo da Ferrería. Contundencia na sección rítmica e infinidade de coloridos propostos polo piano, Rhodes, e os efectos das guitarras de Virxilio, unidos ao timbre do clarinete baixo: todos eles sumaron un gran e arriscadísimo concerto, que pon en valor que só un músico galego coma Virxilio da Silva pode facer un concerto que non deixou a ninguén indiferente.

Concertos
FELIPE VILLAR QUARTET
NANI GARCÍA TRÍO
JANIVA MAGNESS
TERRI LYNE CARRINGTON
RUTHIE FOSTER
VIRXILIO DA SILVA QUINTETO


Jam-Sessions
Valentín Caamaño Trío
Javier Abraldes Trío
Pedro Freijeiro Trío


Workshop
Joris Roelofs
Mark Schilders


Jazz pola rúa
Chivinjazz