Edición 2012

O Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra cumpriu vinte anos en 2012. O primeiro dos concertos da Ferraría, o xoves 19 de xullo, estivo a cargo de THE BAD PLUS, un trío cuxa carreira musical, ten asombrado a crítica e público pola súa proposta moi orixinal, na que se mestura jazz con outros xéneros. Como atractivo engadido nesta xira, contaban coa colaboración especial do gran saxofonista JOSHUA REDMAN, quen “nos debía” a visita desde que a súa actuación programada na edición de 2007 tivera que ser suspendida debido á choiva. Os catro músicos tocaron composicións orixinais de The Bad Plus, con momentos culminantes, como a interpretación do tema "People like you", do disco "Never Stop" (2010). Así ocorrera xa a noite anterior no concerto que deran no Festival de Vitoria: “...levantou á xente dos seus asentos e provocou unha longuísima ovación. Partindo dun comezo cheo de silencios, o tema foi medrando ata formar unha preciosa melodía que todos eles, e todo o público recoñeceron como propia. Joshua Redman mostraba unha vez máis a súa complicidade cos seus tres amigos que son moito máis ca unha sección rítmica” (Pablo Madariaga, Axencia EFE ).

A cita obrigada do festival co blues concretouse en dous concertos. O primeiro, o día 20 de xullo, coa cantante SHARRIE WILLIAMS, quen estivo acompañada pola súa banda habitual en Europa, The Wise Guys, na que destacaría especialmente o guitarrista Lars Kutschke. Sharrie Williams é unha gran intérprete de blues e soul, que canta as súas propias composicións, inspiradas polas difíciles circunstancias que pasou na súa vida. Manexa con facilidade a totalidade do espectro vocal, desde o murmurio ao puro berro. Cun simple par de cancións, a chamada “Princesa do Rockin’ Gospel Blues”, é capaz de pór á audiencia aos seus pés. E así ocorreu en Pontevedra, nunha noite onde “o micrófono de Sharrie Williams desbordou A Ferraría” (Belén López, Diario de Pontevedra, 21/07/2012) cun numeroso público que gozou cantando e bailando (incluso enriba do escenario!: imprescindible o vídeo que figura en YouTube). O seu concerto superou todas as expectativas. “E Sharrie Williams gravou o seu nome a fogo na cidade. Meteuse a todo o mundo no peto cunha actuación emocionante e divertida na que comezou exorcizando os demos do seu duro pasado e acabou cantando e bailando entre o público posto en pé (Belén López, Diario de Pontevedra, 23/07/2012).

E na segunda das noites dedicadas ao blues, o 21 de xullo, gozamos da gran actuación, case dúas horas de concerto, do cantante e guitarrista KEB' MO'.  Presentou temas do seu último disco, "The Reflection" ("Sweet enchilada", "The reflection"...) así como doutros traballos anteriores. Magnífico son e excelentes interpretacións de todos os membros da súa banda, grandes músicos e colaboradores habituais do cantante. “O público foi sintonizando con el pouco a pouco ata acabar totalmente entregado nos vinte minutos de “bises”, marcando coas palmas e acompasando cos pés o ritmo das súas últimas cancións. A sensación final foi a dun concerto vivo e esperanzador a pesar da melancolía inherente ás súas composicións” (Natalia Puga, www. elmundo.es). E entre os momentos culminantes, quedará para a nosa memoria a interpretación de "The door" na que cantou Keb’ Mo’ pero tamén o fixeron os seus magníficos músicos, Michael Hicks, Kevin So e Jeff Paris.

E o broche de ouro para o festival tivo lugar a noite do 22 de xullo: jazz de altura coa actuación de STEFON HARRIS, NICHOLAS PAYTON e DAVID SÁNCHEZ que tocaron temas do disco “Ninety Miles” editado en 2011, froito dun proxecto especial entre músicos norteamericanos (o vibrafonista Stefon Harris, o saxofonista David Sánchez e o trompetista Christian Scott) xunto con músicos cubanos. Christian Scott foi substituído para a xira do verán 2012 polo trompetista Nicholas Payton, quen visitaba o noso festival por terceira vez. Foi unha noite especial, pois era a última da xira europea do grupo deste verán. “E o seu jazz latino con maiúsculas brillou e conquistou nunha noite morna moi acorde co espírito caribeño ao que remite o seu estilo” (Belén López, Diario de Pontevedra, 23/07/12). Payton sorprendeunos, incluso, ao cantar unha composición súa: "I want to stay in New Orleans".

E para conmemorar o noso vixésimo aniversario, e como regalo ao noso público, editouse unha fermosa publicación, que recolle a historia do noso festival ao longo dunha ampla mostra fotográfica destes vinte anos.

Concertos
END OF AN ERA
JAVIER PEREIRO QUINTETO

THE BAD PLUS con JOSHUA REDMAN
SHARRIE WILLIAMS
KEB' MO'
NINETY MILES con STEFON HARRIS, NICHOLAS PAYTON e DAVID SÁNCHEZ


Workshop
Philip Dizack
Eden Ladin
Concoran Holt
John Davis

Jazz pola rúa
Street Band