Edición 2008

No ano 2008, contamos co brasileiro IVAN LINS, quen estivo acompañado pola cantante NNENNA FREELON. Foi a nosa maneira de conmemorar o 50 aniversario da aparición da bossa nova. Lins, que non é de todas formas un artista de MPB convencional, interpretou unha chea de temas do seu repertorio, como os celebrados “O que a gente quere é ser feliz” ou “She walks this Earth”, pero o momento culminante da noite, e outro dos salientables do festival, chegou coa interpretación do clásico de Jobim Dindi, en dueto con Nnenna Freelon.

E en 2008 estiveron dous clásicos incuestionables: o pianista KENNY BARRON no eido do jazz, e, no ámbito do blues, o incombustible JOHNNY WINTER: A noite do 24 de xullo a praza da Ferraría e as súas inmediacións enchéronse de afeccionados no que foi probablemente o concerto de máis afluencia da nosa historia. Todo para ver ao famoso albino que demostrou atoparse en excelente forma. A chuvia respectou a Winter durante o seu concerto, xa que se tomou a precaución de poñer a súa actuación por diante do que ía ser o seu “teloneiro”, o novísimo guitarrista Scott Mckeon, que entusiasmou á boa proporción de público que permaneceu na Praza unha vez rematado o concerto de Winter, aguantando a chuvia, agora si, durante algo máis dunha hora.

Unha sorpresa para moitos foi a cantante de blues JANIVA MAGNESS. Janiva interpretou temas do seu último disco (What love will do) publicado por Alligator no 2008, do que se esgotaron todos os exemplares que os músicos puxeron á venda ao final do concerto, e que ela asinou con absoluta paciencia. Tamén cantou repertorio de discos anteriores, destacando a marabillosa balada You were never mine.

Concertos
AMBROSE AKINMUSIRE QUINTET
XAN CAMPOS QUINTETO
JOHNNY WINTER
SCOTT MCKEON
KENNY BARRON TRÍO
JANIVA MAGNESS


Jam-Sessions
Seir Caneda Trío
Gdjazz

Street Band
Ivan Lins, con Nnenna Freelon